Monday 13 de May de 2024

Rematan as obras de rehabilitación da antiga sede da Cruz Vermella de Ordes


 

Será destinada a fins sociais como vivenda de alugamento para unidades familiares con necesidades especiais. O investimento realizado aproxímase aos 44.400 €

O Concello de Ordes vén de rematar a rehabilitación da antiga sede da Cruz Vermella, situada na zona de Queirúa, tras un investimento total que ascendeu a 44.390 euros, quedando sufragado algo máis do 80% coa subvención concedida pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Nas condicións que se deben cumprir por parte do Concello estipúlase que a dita vivenda deberá destinarse polo menos 15 anos ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos na mesma orde (DOG núm. 246, 29 decembro 2017), sendo a área de Servizos Sociais a encargada do proceso de avaliación e asignación.
Ao longo dos últimos meses leváronse a cabo multitude de traballos no inmoble, o cal consta de tres dormitorios, dous baños, corredor, salón e cociña. Demolición de azulexados, pavimentos, carpinterías interiores e exteriores, instalacións eléctricas etc; a colocación de armarios, falsos teitos, pavimento interior de gres de porcelana, azulexado en baño e cociña; ademais da instalación da carpintería exterior de aluminio dotada con ponte térmica e persianas. Tamén se renovou toda a instalación eléctrica, as canalizacións de saneamento e abastecemento e as tomas de telecomunicacións (TV e telefonía). Dotouse dun sistema de climatización mediante radiadores eléctricos programables en todas as estancias e un novo acumulador de auga e, por último, acometéronse os traballos de pintura en todas as fachadas, aleiros da cuberta e teitos de terrazas.
Susana García, concelleira en funcións de Benestar Social, achegouse no día de hoxe ata a nova vivenda para ver de primeira man o resultado final desta intervención, dándolle o seu visto e prace.